|
 |
HISTORIA
Adace-Lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, formada por persoas afectadas de dano cerebral sobrevido (DCS), as súas familias e outros colaboradores. A entidade xurde pola necesidade existente na nosa provincia, pola falta de recursos e atención a esta problemática, e pola iniciativa de colaboradoras, afectados e familiares, que se unen cunha finalidade común, crear unha asociación para poder atender a tódalas persoas relacionadas co DCS.
Adace- Lugo constituíuse legalmente en xaneiro do 2006, completándose así a rede galega de asociacións de afectados por DCS, que pasarán a formar xuntos a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Os compoñentes da mesma son: ADACE en Lugo, SARELA en Santiago de Compostela, ADACECO en A Coruña, ALENTO en Vigo e RENACER en Ourense.
Todas estas asociacións, a maiores de forma-la FEGADACE, tamén estamos adheridas na Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE). Dende Adace-Lugo acabamos de adherirnos o seu protocolo, polo que dende xuño deste ano formamos parte da mesma, e tras un tempo a proba, con dereito a voz pero non a voto nas asambleas xerais, será en xuño do 2008 cando nos consolidemos na mesma.
Os obxectivos primordiais de Adace-Lugo son:
Promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido.
Sensibilizar ós poderes públicos e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias.
Promove-la defensa dos dereitos, a rehabilitación, a integración, a normalización social e mellora da calidade de vida das persoas afectadas por dano cerebral.
Promoción e reivindicación dos servizos sanitarios, asistenciais, educativos, laborais, residenciais, sociais e lúdicos necesarios e axeitados para cubri-las necesidades das persoas afectadas de DCS.
Cooperar con outras institucións, entidades e profesionais relacionados co dano cerebral sobrevido.
|
|